Piedras del Agua nace como un Traballo de Fin de Grao de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago de Compostela cuxa finalidade era crear un mapa sonoro da cidade.
Busca mostrarlle ao ouvinte a beleza de ouvir, de sentir un lugar, de coñecelo soamente co son que o acompaña e o rodea. As imaxes rodéannos, angústiannos, fannos sentir nun caos de cor, tipografía e deseño do que a veces é preciso fuxir. Vivir nunha cidade e deixar de ver coches, deixar de ver estrés, para escoitar o son do vento entre as árbores, dos paxaros polas mañás, o son das nubes, o son do mar, as risas de fondo, os rumores. Poder apreciar os lugares dunha forma diferente a como se adoita facer.
Todo isto é Piedras del Agua, unha especie de loita por separar o son da imaxe, por facer que non sintamos que este, sen un acompañante visual, perde todo o sentido. Busca que o ouvinte vexa cos seus propios ouvidos, que se cree unha imaxe mental daquilo que non se mostra nunha fotografía, nun cadro, convidando a todo aquel que queira ouvir a somerxerse nun mundo diferente no que, partindo dun mesmo son, cada un sexa libre de crear na súa cabeza unha imaxe distinta á da persoa que ten ao seu lado.
O lugar escollido para realizar esta captación sonora é o Casco Vello de Santiago de Compostela, un lugar no que a diario se poden ouvir multitude de linguas diferentes, de música diferente dependendo do músico que a toque ou a rúa na que te sitúes; estando, todo isto, acompañado do vento acariñando as antigas pedras das súas rúas. Como centro de cada unha das gravacións, tomáronse algunhas das fontes monumentais ou ornamentais da capital galega arredor de las cales transcorre a vida de visitantes e habitantes. Desta forma, o principal fío condutor dos fragmentos foi o son da auga. Non obstante, non de todas as fontes escollidas mana auga, nin todas elas existen na actualidade. Da Fonte do Franco hai décadas que non sae auga e a Fonte do Paraíso (situada na Praza da Azabachería) abandonou as rúas de Santiago no s. XVII. Aínda así, as lendas que as acompañan ou a súa importancia na historia da cidade fan que fose importante recoller o son que as rodea, aínda que a auga non sexa o centro da gravación.
Elixíronse seis fontes, das cales cinco están nas entradas do Camiño de Santiago, xa sexa do Camiño Francés ou do Camiño Portugués. A Fonte das Praterías escolleuse, non por estar situada nun lugar de paso para os peregrinos que buscan a Praza do Obradoiro, senón pola súa importancia ao longo dos anos. O son tomouse ao longo dunha semana (xa que a Fonte das Praterías está fóra da ruta do Camiño de Santiago, a captación realizouse a semana seguinte). Graváronse entre 10 e 15 minutos en cada fonte, dos cales se escolleron fragmentos de entre 3 e 3’30” minutos. O punto de partida de cada un deles son sempre as badaladas da Torre Berenguela da Catedral de Santiago.
As fontes desde as que se realizou este mapa sonoro da cidade son:
Camiño Francés:
- Fonte de Porta do Camiño (lunes)
- Fonte de Cervantes (martes)
- Fonte do Paraíso o de Santiago (miércoles)
Camiño Portugués
- Fonte do Franco (jueves)
- Fonte de Fonseca (viernes)
- Fonte de Praterías (lunes)
Piedras del Agua convídate a imaxinarte persoas, ambientes, lugares ou momentos en base, unicamente, ao que poidas ouvir.
Só abre a túa mente, reláxate, pecha os ollos e sente o son.







