CONTACTO
FILOSOFÍA DO PROXECTO
O SON E A AUGA
Fonte de Cervantes

O nome polo que coñecemos actualmente esta fonte xurdiu en 1886, pois anteriormente denominábase Fonte da Praza do Campo ou Fonte da Praza do Pan. A actual Praza de Cervantes era un importante lugar de reunión na cidade de Santiago, situado entre as rúas Azabacherías, Algalia de arriba, San Benito e o Preguntoiro. En 1418 aparece a primeira noticia sobre a existencia dunha fonte nese lugar. Alí se trasladou a Casa do Consistorio en 1686, o que fixo que a xente da vila a transitase diariamente para escoitar os pregóns ou como lugar de reunión, centro administrativo, comercial e político-cidadán-civil da cidade; era, e segue a ser, un punto de encontro e a porta á cidade para os peregrinos que veñen do Camiño Francés.

No s. XVIII foi a fonte máis importante de Santiago por situarse nun lugar central da cidade. A súa forma era diferente á actual: contaba cun pío-copa circular cunha árbore central que se elevaba do centro do pío sostendo unha cunca circular da que saen catro canos. Para obter toda esta información basámonos no debuxo de 1750, ano no que a fonte xa estaba construída. Nel podemos apreciar que sobre ela hai outra moito máis reducida. Estas dúas cuncas reforzan máis a súa importancia a nivel estilístico. Na parte superior conta cunha gran esfera.

A súa construción levouse a cabo en base a criterios decimonónicos no referente ao tamaño, temática ornamental e estilo. En 1838 sacouse a poxa a construción dunha nova fonte monumental na Praza do Pan adicada a Miguel de Cervantes. Debido aos altos custos de construción non se levou a cabo ata 1840. Por tanto, entre 1838 e 1842 esta fonte sofre unha transformación total: cambio dos gatos de bronce, engádense unhas inscricións douradas e píntanse catro floróns. Posteriormente desapareceron da fonte as inscricións e vasos que a ornamentaban.

Trátase dunha fonte de pío circular adornado na súa parede exterior por sinxelos baixorrelevos xeométricos con forma cadrada. O pedestal xurde do centro con forma de paralelepípedo e cos canos saíndo dos seus catro frontes. Sobre el aséntase unha peaña cadrada con moldura sobre a cal, cunha altura de 7 metros, sitúase unha altísima columna con fuste dórico coroada co busto de Miguel de Cervantes que aínda conserva restos do albaialde co que estaba recuberto.

Co paso do tempo, a praza experimenta pequenas melloras e, a causa da substitución do empedrado, a fonte perde os motivos decorativos pintados.

A súa importancia, en especial sobre os séculos XVI e XVII, é equiparable á de San Miguel y, por iso, había un grande interese municipal por mantela en perfectas condicións.

Este modelo de fonte provén da Grecia Helenística e podemos observalo en paisaxes ideais representadas en pinturas e frescos murais dalgunhas casas de Pompeia nas que se ve como elemento central.



∗ Para coñecer a bibliografía do texto sitúe o cursor sobre cada un dos asteriscos.

07.00 horas

12.00 horas

17.00 horas

22.00 horas