
A Praza das Praterías está situada diante da porta Sur da catedral. Foi un espazo cerimonial, festivo e comercial moi importante para a cidade de Santiago. Situado fronte a catedral, era un punto obrigado de tránsito para santiagueses e turistas.∗ Na súa parte central sitúase a Fonte das Praterías ou como actualmente tamén se coñ:ece, Fonte dos Cabalos. O seu nome provén da súa situación, pois a Praza das Praterías era o lugar do gremio dos prateiros. Á súa vez, este era un lugar sagrado no cal se refuxiaba a delincuentes e no que estaban prohibidas as detencións por xustiza civil. ∗ Pertencía ao Cabido, o cal se encargaba da súa conservación e de que estas normas se respectasen.
O que non moita xente sabe é que a fonte que vemos actualmente na Praza das Praterías non é a primeira que foi construída nese lugar.
Debido a súa popularidade e dinamismo, nos séculos XIV ou principios do XV recibiu partes da Fonte do Paraíso, como a súa cuncha pétrea. Esta denominarase a “Primeira Fonte das Praterías”.
Trala remodelación que sufriu a cidade na época do Barroco da man de Simón Rodríguez, o gran mestre santiagués, en 1704 a fonte trasladouse do atrio superior da fachada Sur á parte baixa da praza. Esta nova construción debía ter unha aparencia acorde co esplendor que a rodeaba. Por elo xorde unha nova fonte que comeza a erixirse en 1705 da man de Domingo Andrade, recibindo o nome de “Segunda Fonte das Praterías” e dáse por finalizada en 1706. ∗ Realizada a partir de granito, metais, chumbo, betume e mármores preciosos de cores e bronce, a Fonte das Praterías representaba en si mesma o preciosismo que se buscaba na época. Os obxectos que rodean esta representación simbólica da cidade tiñan relación directa con ela: a furna xacobea, a cartela na que se debuxa a cruz de Santiago e a estrela metálica. Esta estrela é a icona da tumba do Apóstolo, que aparece en multitude de relevos de escudos heráldicos da cidade, representacións, gravados e debuxos. Unha vez terminada, o seu resultado foi abraiante: o seu grande pío de granito, esculturas de sirenas, cunchas mariñas, as súas dúas cuncas-cunchas e detalles propios do ornamental estilo de Andrade, como son o uso do mármore e o remate “piramidal” ∗, que fan desta fonte algo digno de ver e admirar.
Esta fonte, como moitas outras obras, forma parte dun gran número de obras que non chegaron á actualidade. A fonte de Andrade foi modificada por Clemente Sarela, construtor da Casa do Cabido, a causa do deterioro do mármore, os cambios de temperatura e a humidade da cidade galega. Entre 1754 e 1759, aparece en Santiago a “Terceira Fonte das Praterías”, na cal o mármore non ocupa lugar. O granito policromado é o material utilizado para a súa construción, moito máis modesta que a orixinal, con adornos xeométricos. Esta nova fonte non era un monumento, pois estaba exento de grandeza e colorido. Construíuse como algo temporal, sen as características do Barroco-Rococó propias da época, que si se mostran na Casa do Cabido. ∗ Non coñecemos como era o seu aspecto, nin a súa forma, pois a fonte de Clemente Sarela non foi a última Fonte das Praterías.
Unha vez superada a época do Barroco Compostelano, xurdiu no s. XIX a “Cuarta Fonte das Praterías”. Da anterior non hai apenas información, polo que non podemos saber se se mantivo algo do creado por Sarela ou Andrade ou se o que vemos actualmente pertence na súa totalidade a unha nova obra. ∗ Fray J. Conde e Juan Pernas deseñaron e esculpiron esta cuarta fonte, cos seus hipocampos, a columna central, a furna e a estatua coa estrela. Coñecemos da existencia de tres artistas que foron chamados a elaborar exclusivamente detalles moi concretos da estatua, a furna e a base de nubes que a sustenta ou a árbore central, pero non tiveron maior relevancia na realización desta fonte. ∗
Esta Cuarta Fonte Das Praterúas comezou a ser construída en 1825 e deuse por finalizada en 1826. Conta cun grande pío de cuxo centro se eleva un piar de base cadrada, sobre o cal xorde unha estrutura en forma de illote redondeado que pode figurar unha praia na que hai catro hipocampos. No centro xorde unha árbore central de estrutura cilíndrica con forma de copa longa e adornada con relevos e unha fenda en forma de pinga. Sobre ela hai un tambor cilíndrico con relevos xeométricos que serve de soporte a pequenos surtidores en series de seis colocados ao seu redor, o que dota a esta fonte de certa elegancia, pois a auga elévase antes de caer ao pío. Unha vez rematada a árbore comeza a nube e sobre ela unha furna ou arca funeraria de forma cuadrangular en cuxas caras hai talladas en relevo a cruz de Santiago e a cuncha de vieira. Sobre a furna atopámonos a imaxe feminina da matrona sedente na posición típica das alegorías clásicas, que sostén na man unha cartela e unha cruz de Santiago con varias cunchas, que fai referencia ao relixioso. Esta escultura lembra ás da época clásica, descalza, coa melena ondulada e vestida co veo e túnica, que eleva a man dereita, na que porta una gran estrela de bronce mentres observa a portada Sur da Basílica apostólica. Dita estrela é o símbolo da Sabedoría. ∗ Segundo Eduardo Beiras, “[…] pode perfectamente simbolizar a Cidade do Apóstolo […]” ∗ pois pode entenderse como unha nai que garda aos seus moradores coma se fosen os seus fillos, os habitantes da cidade de Santiago. Para J. A. Tojo ∗ a idea desta fonte é a de mostrarnos dous puntos contrapostos, separados por unha columna: a parte inferior representaría o mundo terreal, mentres que a superior suscita o espiritual.
O hipocampo, animal que tiraba do carro de Neptuno na mitoloxía romana, é unha representación alegórica do triunfo do inframundo mariño. Segundo a mitoloxía clásica, estes seres facían brotar fontes do chan e, tomando a iconografía cristiá, a nube é o símbolo do sagrado. Sobre eles aséntase a arca marmórea de tradición xacobea que coroa o alto da fonte. As cunchas que a adornan simbolizan a Inmortalidade, neste caso do Apóstolo.
As fotografías de Thurson de 1866 móstrannos que a cor non estaba ausente nesta “Cuarta Fonte das Praterías”. A pesar de non ser unha fonte cun carácter preciosista, como a realizada por Andrade, na fonte de Fray Juan Conde o albaialde branco cubría a estatua, a arca e as nubes. A cruz de Santiago e a cuncha estaban pintadas de granate. A antiga estrela que coroaba a fonte foi reutilizada para a nova: o bronce co que estaba realizada fundiuse e creouse unha nova estrela moito máis complexa e pesada que conservaba unha particularidade que compartía coas súas dúas predecesoras: “os xogos de auga a base de finos chorros que saen das oito puntas da estrela de remate da fonte”. ∗ Isto demóstranos que o significado simbólico de todas as fontes foi o mesmo, ao igual que a súa localización.
En 1992 levouse a cabo a restauración do deterioro da pedra a causa dos efectos físicos e mecánicos. As esculturas que a conforman foron desmontadas peza a peza e restauradas. Tras seis meses, a “nova” fonte foi inaugurada.
Curiosamente, Federico García Lorca inspirouse nesta fonte para escribir o seu poema “Danza da lúa en Santiago”, onde o poeta chama a esta fonte “a do soño”.
Debido ao “abandono” por parte das autoridades, esta importante fonte non brilla como antano. Pola súa estrela non saen finos chorros de auga e os cabalos mariños están ennegrecidos polo óxido.

07.00 horas
12.00 horas
17.00 horas
22.00 horas