
Referímonos ao símbolo da fin do Camiño onde os peregrinos se lavaban antes de entrar por primeira vez na basílica de Santiago. ∗ Estaba situada nalgún lugar da Praza de Azabacherías, fin do Camiño e fin de días de peregrinación. É probablemente unha das primeiras fontes da cidade, construída en 1122, e a máis antiga en relación ás fontes monumentais da capital galega.
Tratábase dunha fonte construída polo Mestre Bernardo. A súa forma era pouco común, polo que chamaba a atención en canto á súa ornamentación e o seu tamaño. Era de proporcións enormes e tremendamente simbólica: unha fonte que “mitiga a sede dos peregrinos”. ∗
Para falar da Fonte do Paraíso é preciso nomear a Aymerico, peregrino que chegou desde Francia a Santiago de Compostela no s. XII e que a describiu con todo luxo de detalles. Nunha transcrición literal, este francés dixo “[…] está fundada sobre un basamento de tres chanzos, sobre os cales repousa unha fermosísima cuncha de pedra en forma de cunca, redonda e escavada, e de tanta magnitude que, segundo creo, poden bañarse nela comodamente ata quince homes a un tempo. […] érguese no centro unha alta e oca columna de bronce, ancha na base e de planta heptagonal. Coróana catro leóns, de cuxa boca saen catro copiosos caudais para refrixerar aos peregrinos e aos habitantes de Santiago […] baixo os pes dos leóns vense escritos en dúas liñas e arredor da columna as seguintes letras: ego Bernardus bti. Iacobi ts. Hanc aquam huc adduxi et presens opus composui ad me et animarum meorum paterntum remedium. Era MCLX. III idus aprilis.”, ou o que era o mesmo: “Eu, Bernardo, tesoureiro do beato Santiago, trouxen esta auga aquí e construín a presente obra pola miña alma e pola dos meus pais. Ano 1122, 11 de abril.” ∗ O Calixtino describe a súa auga como“[...]doce, nutritiva, sa, clara, moi boa, quente no inverno e fresca no verón”∗ Os leóns que a coroaban eran símbolo de forza e poder, colocándose na entrada dos templos como símbolo de poder e autoridade. Non obstante, a súa situación nas entradas das igrexas románicas do medievo móstranos que quizais a súa simboloxía podería estar máis relacionada coa Purificación: limpeza, renovación física e espiritual dos crentes antes de entrar no lugar sagrado. ∗
A pregunta é, ¿por que unha fonte tan importante para Santiago de Compostela, para os seus visitantes, para todo aquel que a miraba, puido chegar a ser retirada da rúa e esquecida polo pobo? Segundo Eduardo Beiras, despois da idade de ouro de Xelmírez chegan a Santiago os séculos escuros, o que levou a que se abandonase a construción de novas estruturas urbanas, edificios, fábricas, etc.
A fonte foi retirada das rúas e da vista dos viandantes en 1600. Como recordo dela atopamos no claustro da Catedral a cuncha pétrea. ∗ “A cuncha volve ao sitio para o que foi concibida por Xelmírez”. ∗

07.00 horas
12.00 horas
17.00 horas
22.00 horas